Cadro de 3,07 x 3,67 m.
Óleo sobre lenzo (1635)
Velázquez ( 1599 - 1660 ).
Pintura española. (Século XVII).
Neste gran cadro, Velázquez móstranos un episodio histórico sucedido en Breda (Holanda) en 1625, cando os terzos españois derrotaron aos holandeses e tomaron a mencionada cidade, acontecemento incluído na guerra dos trinta anos que finalmente acabaría coa derrota de España e a independencia dos Países Baixos.
É da segunda etapa madrileña do pintor, despois da súa primeira viaxe a Italia.
Na escena podes observar como, nunha paisaxe onde aínda fumegan os restos da batalla, os españois están á dereita e os holandeses á esquerda. Ambos grupos levan vestimentas diferentes e armamento desigual, os españois lanzas e os holandeses picas e fusís. O protagonismo osténtano, no centro da composición, dous personaxes, o español Ambrosio de Spínola á dereita, recibindo a chave da cidade de Breda, que humildemente lle entrega o gobernador, Xustino de Nassau, en sinal de rendición e sometemento.
A tranquilidade, o acougo e o profundo respecto polos personaxes, tan típicos das obras de Velázquez, aparecen tamén aquí. A dignidade do vencido, que se inclina submisamente ante o vencedor ten a súa réplica na actitude cariñosa e tenra deste, que lle sorrí cortesmente e dálle unha palmadiña nas costas. Velázquez foxe de convencionalismos e móstranos o tema bélico con exquisita sensibilidade: sangue, morte e destrución quedan só insinuadas polas fumaredas do fondo e non hai xenerais vitoriosos soberbios e fachendosos. Todo o contrario, o xeneral español fai gala dunha virtude excepcional: a clemencia e a compaixón cara ao vencido, fuxindo de toda humillación.
O obxecto simbólico central do cadro, a chave, queda destacado pola súa situación central e, sobre todo, polo contraste entre a súa cor negra e o fondo de tons claros que se sitúa inmediatamente detrás. As lanzas españolas realzan a perspectiva da paisaxe posterior e varias aparecen torcidas para dar maior veracidade.
O realismo é total e pódese apreciar ata as texturas diferentes dos tecidos: la, bordados, gasa, seda, ante, etc. Velázquez recréase na representación dos personaxes e estúdaos sicoloxicamente, convertendo esta obra nunha galería de retratos. Se te fixas, verás aos españois máis contentos que os holandeses, non en balde son os vitoriosos e levan enormes patillas e grosos bigotes. A paisaxe do fondo é plana e brumosa como corresponde a esa zona, aínda que sabemos que Velázquez nunca estivo en Holanda.
Velázquez, como bo pintor barroco, gusta da composición recargada, o naturalismo no representado (incluíndo o feo e macabro, pero tratado delicadamente ) as posturas sinuosas e os fortes contrastes de cor e de luces e sombras. A curva está sempre presente como podes ver no cabalo (visto desde atrás e virando), os pregues de vestidos, botas e foulards, cabelos, chapeus, etc.
As superficies brillan ás veces como o caso dos cuartos traseiros do cabalo que parece estar recentemente cepillado, ou a camisa branquisima do holandés que fala cun compañeiro e cuxo cabalo parece escoitar interesado a conversación.
Entre o primeiro plano (os combatentes e os seus líderes) e o fondo ( a paisaxe) atopas un plano intermedio (tras a chave) onde se aprecian tropas, armas e estandartes reflectidos en tons pastel claro para contrastar coa famosa chave. Aínda por riba, os soldados deste plano intermedio están bañados por un chorro de luz moi efectista.
Para que nos sintamos en certo xeito partícipes do cadro, Velázquez recorre a dous trucos: colocar personaxes de costas (como estamos nós) e outros que nos miran fixamente, o que nos fai sentir dentro da acción. O personaxe situado no bordo dereito, mozo e elegante é o propio Velázquez que se autoretratou con bigote e unha pouse estudada (el era moi fachendoso).
Velázquez xoga coa luz e fai que resalte o que lle interesa, rostros, mans, tecidos, contrapóndoa acusadamente con zonas de sombra e nese contraste podes notar a viveza e forza da escena.
Para subliñar a distancia, utiliza varios procedementos: punto de vista alto (vemos moito paisaxe) e desdebuxado da paisaxe do fondo (do mesmo xeito que na realidade, cando miramos montañas afastadas, non as vemos nítidas, senón cos seus contornos borrosos).
Existe un esquema compositivo estruturado en dúas diagonais imaxinarias que van desde o cabalo holandés ao español a primeira e a segunda desde as lanzas ao holandés de abrigo de ante claro.
la rendicion de breda un cuadro de explicita belleza besitos maria
ResponderEliminar