viernes, 6 de marzo de 2009

A forxa de Vulcano


Forxa de Vulcano, un lenzo de 223 x 290 cm.,
Museo do Prado. Velázquez (1630)

Esta obra realizouna en Roma (Italia) sen mediación de encarga, durante a primeira viaxe que fixo a Italia a instancias do pintor Pedro Pablo Rubens que visitara España aquel mesmo ano de 1629. Velázquez realiza dous grandes lenzos na casa do embaixador español. Son dous lenzos que constitúen parella e que se trae coa súa equipaxe de regreso a España: A túnica de Xosé e forxa de Vulcano.
De novo Velázquez converte unha escena mitolóxia nun episodio de andar pola casa, algo próximo e cotián.
Apolo aparece de súbito na forxa onde traballan Vulcano e os seus axudantes e anúncialle que a súa esposa élle infiel. Como é lóxico, todos quedan estupefactos e mostran rostros de enorme sorpresa ante a nova. Vulcano aparece algo torcido xa que era coxo e detén a súa actividade para poder asimilar o cruel impacto recibido.
A orixinalidade de Velázquez consiste en situar a Vulcano, deus do lume, nunha simple forxa onde se adiviña a chama da cheminea no segundo plano e os materiais están ao lume vivo (como el neste momento). O salvaxe lume dos volcáns queda aquí reducido ao lume domesticado dunha forxa.
Os traballadores son fortes e musculosos ao realizar permanentemente un traballo mecánico e vémolos suorentos e semiespidos para resistir a calor que se desprende do forno. As súas expresións de asombro son espectaculares.
O potente chorro de luz que ilumina aos personaxes provén lateralmente da parte esquerda. O colorido é moi ocre con lixeiros toques de cor (vermello no ferro, verde nas sandalias de Apolo, branco na xarriña). As naturezas mortas son espectaculares, vexamos, sen ir máis lonxe, a couraza, a xarriña sobre forxa, o pico, os martelos, o cunco ou a bigornia.
A caverna onde o deus ferreiro forxa as armas dos demais deuses é no cadro unha forxa de tantas como Velázquez puido ver en España ou en Roma. Coa mestría que lle caracteriza, pinta ademais unha serie de variados artefactos propios dunha forxa.
Nesta pintura Velázquez iniciou os seus ensaios de perspectiva aérea coa figura que hai ao fondo e que contrasta coa outra figura que está de costas en primeiro termo. O lume de forxa proporciona luz e sombras mentres que o halo de Apolo fai que entre claridade pola esquerda.

1 comentario:

  1. Maravilloso Velázquez,uno de mis favoritos es la vieja friendo huevos ¿lo conoces?
    Abrazos

    ResponderEliminar