miércoles, 4 de marzo de 2009

O BERRO



Eduard Munch: O berro 1893.

91 x 73,5. Óleo sobre lenzo.
Nasjonalgalleriet, Oslo.

A fonte de inspiración para O berro podería atoparse, quizá, na atormentada vida do artista, un home educado por un pai severo e ríxido que, sendo neno, viu morrer á súa nai e a unha irmá. Na década de 1890, Laura, a súa irmá favorita, diagnosticáronlle unha doenza bipolar e foi internada nun psiquiátrico. O seu estado anímico queda reflectido nestas liñas que escribe no seu diario:"Paseaba por un carreiro con dous amigos - o sol púxose - de súpeto o ceo tinguiuse de vermello sangue, detívenme e apoieime nun valo morto de cansazo - sangre e linguas de lume axexaban sobre o azul escuro do fiorde e da cidade - os meus amigos continuaron e eu quedeime quedo, tremendo de ansiedade, sentín un berro infinito que atravesaba a natureza".
Munch inmortalizou esta impresión no cadro A desesperación, que representa a un home cun chapeu de copa, de medio lado, inclinado sobre unha prohibición e nun escenario similar ao da súa experiencia persoal.
Non contento co resultado, Munch pinta un novo cadro, esta vez cunha figura máis andróxina, de fronte, ensinando a cara, e cunha actitude menos contemplativa e máis desesperada. O mesmo que a anterior, esta primeira versión do berro, chamouse A desesperación. Segundo detalla Robert Rosenblum (un especialista da obra do pintor), a fonte de inspiración para esta estilizada figura humana podería ser unha momia peruana que Munch viu na exposición universal de París en 1889.
O cadro foi exposto, por primeira vez, en 1893, formando parte dun conxunto de seis pezas titulado Amor. A idea de Munch era a de representar as distintas fases dun idilio, desde o namoramento inicial a unha rotura dramática. O berro representaba a última etapa, envolvida en sensacións angustiosas.
A obra non foi moi ben acollida pola crítica e, o conxunto Amor foi clasificado como arte demente (máis tarde, o réxime nazis clasificou a Munch de artista dexenerado e retirou todos os cadros que había nunha exposición en Alemaña). Un crítico considerou o conxunto, e en particular O berro, tan perturbador, que aconsellou ás mulleres embarazadas que non visitasen a exposición. A reacción do público foi discrepante e o cadro converteuse en motivo de discusión e, por primeira vez, faise mención do berro nas críticas e reportaxes da época.
Munch realizou catro versións "do berro". O orixinal de 1893 (91 x 73,5 cm.) unha técnica de óleo e pastel sobre cartón, está exposto na Galería Nacional de Oslo. A segunda (83,5 x 66 cm.) en témpera sobre cartón exhibiuse no Museo Munch de Oslo ata que foi roubado en 2004. A terceira pertence ao mesmo museo e a cuarta é propiedade dun particular. Para responder ao interese do público, Munch realizou tamén unha litografía (1895) que permitiu imprimir o cadro en revistas e periódicos. O 31 de agosto, 2006, a policía de Oslo anunciou que a segunda versión da obra foi recuperada, xunto coa Madonna, outra obra de Eduard Munch tamén roubada no 2004.

Descrición do cadro
Este cadro, como expoñente da corrente expresionista nórdica á que Munch pertencía, expresa as emocións e sentimentos do seu autor.
Situados, fisicamente, fronte ao cadro, o son é inaudible, o desamparo parece incomprensible. Para reforzar o silencio angustioso do berro, vemos a dous paseantes que non se conmoven ante ese desamparo. Resulta difícil resistirse á influencia da tolemia que intenta transmitir o home que está situado en primeiro plano coa boca aberta e coas mans tapándose os oídos para non escoitar o seu propio e incontido berro que é, tamén, o berro da natureza. O "berrador" está reducido a unha mísera aparencia ondulante nunha paisaxe de delirio.
O berro é un berro sobre o sentido da existencia. Ante a angustia existencial hai dúas solucións: esquecer as preguntas que non teñen resposta, e fuxir. É a postura adoptada polos dous paseantes que seguen as liñas rectas cara á inexistencia do punto de fuxida. Ou ben dubidar da propia existencia. Esta última é a que adopta o "berrador". O seu corpo, as súas mans, a súa cabeza, a súa boca, o seu berro dilúense nas liñas curvas do océano e o ceo fusionándose. O ambiente, as leis, as regras da sociedade, simbolizadas pola balaustrada dereita, non poden deter esta disolución.
Paradoxalmente, dubidando da súa propia existencia, o "berrador" esfórzase en demostrar a súa alteración. Aínda que os seus trazos dilúense, distínguese perfectamente a súa cara. Este non é o caso dos dous paseantes que non son máis que dúas sombras escuras. Elixindo as certezas simbolizadas polas liñas rectas, a súa existencia desaparece no esquecemento. O "berrador" é o elemento notable do cadro.
Habería que dilucidar se Munch trataba de expresar a súa propia angustia persoal ou a desesperación do home (en abstracto), fronte a un mundo convulsionado pola revolución económica e industrial, a pobreza das clases traballadoras e a inxustiza social.


No hay comentarios:

Publicar un comentario