jueves, 7 de enero de 2010

Homenaxe a Castelao, Álbum Nós











Na obra pictórica e debuxística de Castelao hai dúas etapas claramente diferenciadas que teñen como eixo o Álbum Nós.

Con anterioridade ao álbum, Castelo utiliza o costumismo idealizante e lírico da xeración do 98, dános unha visión incluso distante do pobo e procura un pintoresquismo doado que repite no óleo. A marcha para as Américas, a volta das Américas, só nos cadros de cegos hai unha maior comprensión e sentimento. Formalmente, co seu consciente decorativismo e estilización, coas tintas planas e a énfase lineal, estas obras corresponden a formulacións modernistas que o pintor tomou directamente de ilustradores españois.

Coa realización do Álbum Nós, a obra de Castelao cambia radicalmente, coincide este cambio coa chegada de Castelao ao nacionalismo, coas primeiras revoltas campesiñas que incentivou a Liga Acción Galega, a folga dos ferroviarios, a creación das Irmandades da Fala, a publicación "Da terra asoballada" de Cabanillas. Mais todas estas razóns non son suficientes para xustificar o cambio na obra de Castelao. Tivo que haber un catalizador que lle abrise os ollos para que pasase dunha arte decorativa, idealista e festiva a unha arte de acción, posta combativamente ao servizo de Galiza e dos seus intereses. Este catalizador puido ser os cartóns que realizou o artista belga Raemaekers para denunciar a aldraxe de Bélxica por Alemaña ao longo da I Guerra Mundial. Agora Castelao concibe tamén a súa arte como un medio de acción, a súa obra adquiría a finalidade de concienciar á burguesía galega do grave problema de marxinación no que se encontraba Galiza e as súas xentes, esquecida no conxunto de España..
Castelao amosou como era a verdadeira vida da súa xente, consumida polos foros, o fisco, os curas e os caciques, pero tamén polas leis e a xustiza.
Pero se no concepto e no contido a arte de Castelao é revolucionaria dentro do panorama galego da época tamén é polo medio expresivo que emprega. O autor renuncia ao óleo, compón debuxos e un pé, co que nos segue remitindo a Raenakers e a Goya a quen el admiraba. En Castelao o debuxo e o pé compleméntanse e son inseparables, xa que a carga expresiva da mensaxe pode recaer tanto nun como noutro. Se o fai no pé, o debuxo sintetizase ao máximo e redúcese a unha pura liña para deste xeito, non distraer a atención do lector. Polo contrario, se a carga expresiva recae na imaxe, poténciase daquela a expresividade a través dun contrastado claroscuro, mentres que o pé e simplemente enunciativo.

1 comentario:

  1. Interesantísima a información que nos achegas. Descoñecía esa influencia do artista belga en Castelao. Gracias por esta entrada tan boa e documentada. Unha aperta.

    ResponderEliminar