miércoles, 14 de marzo de 2012

Grande nu en butaca vermella




Este cadro agride a mirada pola súa composición contrastada, as súas cores crúas e violentas, o seu grafismo irregular, duro, sen graza, a materia pictórica espesa e escachada.

Composición

Non facilita ningún descanso ao ollo. Todo está aí brutalmente afirmado. A verticalidade primeiro, con esa grande cinta branca a dereita (A) que vai case de arriba a baixo e se desenvolve en sordina horizontalmente cara á esquerda por unhas cintas laranxas máis estreitas(A´), para encontrarse de novo reafirmada, sempre en laranxa, no extremo esquerdo despois de pasar tras a gran forma central. Arriba, no ángulo dereito, un case cadro gris (B) violentamente enmarcado de amarelo reafírmase con autoridade. Debaixo deste cadro o bordo branco da forma central leva verticalmente ao marco laranxa citado anteriormente(B´). Entón dámonos conta que se trata do mesmo cadro atenuado pola sombra e en parte oculto. No ángulo inferior dereito un pequeno cadro escuro repite a verticalidade do vermello e replica diagonalmente ao grande cadro enmarcado de arriba(B´´).

Segundo a outra diagonal (ángulo superior dereito, ángulo inferior esquerdo), e ben calada por esta rede de verticais e horizontais, desprégase a forma central, toda composta de curvas e cravadas nun triángulo branco(C) solidamente instalado sobre a base horizontal.
Se entornamos con forza os ollos, percibimos a disposición xeral das formas: un estreito rectángulo vertical á dereita, un cadro arriba á esquerda, un gran triángulo nos dous terzos da dereita, formado pola tea branca pregada. Unha especie de gancho rosado e algunhas pequenas formas redondeadas realizan a unión entre estes tres polos.

Dende o punto de vista formal hai oposición entre as tres formas de base estritamente xeométricas, A, B, C, e o paquete de curvas que se introduce entre as dúas primeiras e se encaixada na terceira,

As cores:

Corresponden a ese efecto de agresión da forma central pola súa contorna: a vertical branca da dereita aproveita o negro que linda con ela; o cadro da esquerda grita co seu marco amarelo vivo e o triángulo disfruta do máis amplo dos brancos aínda que atenuados polo trazado dos pregues. A forma central, xa debilitada polas súas curvas, só ofrece unha cor rosa algo insípida e uns malvas dunha delicadeza bastante inesperada pero fráxil. Polo demais, a cor vermella e a verde manteñen unha relación estridente.

A cor vermella da extrema dereita responde a un ton máis ensombrecido á vermella central, a cor laranxa da estrutura do fondo responde ao resplandecente marco de cor amarela de arriba coa fermosa cor azul da súa replica inferior, o mesmo que a cinta violácea na parte inferior do lenzo responde ás malvas pola mediación da cor rosa-carne.

A muller

Está tombada nunha butaca vermella de formas envolventes cuxo asento e brazo dereito están cubertos por unha tea branca que cae ata o chan con grandes pregues. A muller ten a cabeza cara atrás, o brazo esquerdo levantado por riba do respaldo enmarcando a cabeza, o brazo dereito comodamente apoiado, as pernas cruzadas, as coxas moi separadas. Mirándoo ben, non é o brazo dereito o que repousa sobre o brazo drapeado de branco, é a perna dereita, xa que este membro está unido á pelve, e non ao ombreiro.

Tres pernas, que significa isto?

Simplemente, tan pronto estira a perna ante si como a apoia sobre o brazo do butaca, o cal bascula a pelve e abre o sexo. O pintor quere facernos aproveitar esta alternativa e reproducir o movemento.

O tema central do cadro é a pelve que xira sobre o seu eixo e este xogo de pernas, mentres o embigo serve de eixo ao engrenaxe de curvas e contracurvas.

As pernas estiradas organízanse coas verticais e as liñas oblicuas dos pregues da tea branca.

O busto é filiforme e o membro superior horrible, articulado en tres partes. As dúas formas malvas, a da dereita máis escura do lado da sombra, pode ser unha bufanda o un bolero entreaberto, deixando aparecer os peitos, ou tamén a sombra acumulada baixo a cabeza e os mesmos peitos.

A cabeza enmarcada polo brazo é particularmente horrible. Un cacho de carne, dous puntos negros para os ollos, sen mirada, dous pequenos buracos para indicar o nariz, a queixada aberta con todos os dentes.
Ese movemento da pelve, esas coxas amplamente separadas, ese sexo aberto. Debaixo, na sombra da tea, un pequeno vulto: é a man dereita que intervén ao final dese brazo que permanece invisible, pero que se converte no acto principal da escena.

Bibliografía
:Ver y comprender la pintura, Bernard Rancillac