jueves, 21 de enero de 2010

A ESCULTURA ROMÁNICA




Praterias (Santiago)

Santiago de Praterías (Santiago) Daniel, Pórtico da Gloria (Santiago)


Fachada do Moissac (Francia)
A Dúbida de Santo Tomás l Mosteiro de SantoDomingo de Silos




Museo dos Agustinos de Toulouse (Francia), Gilabertus



Características xerais

A escultura está supeditada á arquitectura, concibida como parte integrante do edificio.

Materiais:
O preferido é a pedra, pero tamén se usa a madeira, xeralmente policromada, o marfil, o metal.

Técnica
: a talla da pedra é plana, mediante incisións con cicel, trade e trépano: as roupaxes pegadas ao corpo, encartados moi xeométricos. A partir da segunda metade do século XII mellora moito, a talla realízase máis profunda, os encartados máis voluminosos e curvados, as figuras son máis reais.

Tiña función didáctica
. Ensinaba aos fieis, polo xeral analfabetos, as dogmas e principios do cristianismo. Nun mundo teocéntrico, dominado culturalmente pola Igrexa, as imaxes debían instruír e incitar á piedade aos fieis, ensinándolles os camiños para chegar ao outro mundo.

Estética:
a escultura románica é antinatural e simbólica, con clara tendencia á abstracción, de influencia bizantina que chega a Occidente a través de Italia. Na composición, moi clara e ordenada, imperan o "horror ao baleiro", a frontalidade, a simetría, o equilibrio, a isocefalia, predominan as liñas curvas. As figuras son solemnes, hieráticas, distantes e severas, carecen de volume, son planas. A escultura non ten perspectiva nin profundidade, réxese pola lei de adaptación ao marco, o que favorece as deformacións. O escultor non busca a beleza senón a expresividade, por iso as figuras están desproporcionadas e os seus trazos esaxerados ou deformados, para resaltar determinadas partes do corpo (cabeza, ollos, mans). É unha escultura feita coa mente, non cos sentidos.

Temática:
era moi variada e a súa localización no templo era fixa. Os teólogos da Igrexa eran os responsables de impor aos artistas as directrices e a iconografía, esencialmente apocalíptica. As fontes máis usadas son a Apocalipse de San Xoán, o Antigo e Novo Testamento, os Evanxeos apócrifos e o Bestiario fabuloso procedente de Oriente, así como vidas de santos recollidas na Lenda Dourada.

Iconografía cristiá
Un dos principios que rexen a escultura románica é a da súa funcionalidade para a comunicación e transmisión de ideas mediante meticulosos programas iconográficos. Estas ideas poden ser simbólicas ou simplemente descritivas de episodios bíblicos
Dirixidos a un público analfabeto, os programas iconográficos de igrexas e catedrais convertíanse en verdadeiras Biblias de pedra.
No comezo do románico prevalecen as escenas do Antigo Testamento pero rapidamente adquiren especial forza as historias do Novo. Escenas do ciclo da Natividade (a Anunciación, Nacemento, Epifanía...). Especial importancia adquire -sobre todo nos tímpanos das portadas- o Xuízo Final con Cristo en Maxestade baixando desde os Ceos na mandorla mística rodeado polos catro evanxelistas en forma de Tetramorfos e en ocasións o peso das almas.
Posteriormente, a figura de María compete coa anterior e é frecuente que apareza a Virxe en Majestard co Neno sentado nos seus xeonllos bendicindo.

O Bestiario

Procedente do mundo grecorromano, bizantino e persa, o bestiario fantástico apodérase do mundo románico non sen resistencias e críticas por pensadores da época. Pero o románico sacraliza esta estética pagá convertendo aos animais -tanto reais como imaxinarios- en portadores de virtudes ou perversións, polo que a súa aparición en capiteis, canzorros, tímpanos, etc. é reinventada e usada con sentido de ensino e advertencia.
Dentro do bestiario fantástico existen animais usados con frecuencia con carácter positivo, como
os grifóns (cabeza de e ás de aguia e corpo de león) que se usan como gardiáns nas entradas (portas e xanelas) das igrexas. Os dragóns son os máis xenuínos inimigos de Deus e o home, é unha ave con cabeza de can de grandes ollos e concas profundas, orellas afiadas e longas fauces ameazantes, o seu rabo é de serpe e en ocasións en lugar de patas de ave mostra pezuños.
Outros animais maléficos son
a harpía (corpo de rapaz, busto feminino -aínda que en ocasións tamén masculino- e con frecuencia, rabo de serpe) e a serea (corpo feminino e rabo de peixe), ambas representando a sedución e atrapamento polos praceres carnais.
Os basiliscos (cabeza monstruosa con crista de galo con corpo e rabo de serpe) son os encargados de transportar as almas dos condenados ao inferno. Os centauros (cabeza e tronco humanos e o resto de cabalo ) simbolizan a brutalidade e luxuria e con frecuencia represéntanos con arco e frecha disparando a sereas.

Iconografía profana

Xunto a motivos estritamente relixiosos, o románico, sobre todo a medida que evoluciona e se arraiga no ámbito rural afastado das principais rutas de peregrinación, incorpora
motivos de tipo costumista ou anecdótico.
Adoitan ser
os canzorros das igrexas rurais os que con maior abundancia se adornan con esculturas que representan os costumes da época (cazarías, festas, banquetes, lances guerreiros...) ou a vida social.

A evolución ao gótico. A recuperación do naturalismo

O século XII trae consigo importantes cambios na mentalidade europea. San Bernardo dá un duro golpe á vida monacal da época dominada até entón polos cluniacenses, verdadeiros promotores do románico.
As fachadas xa non gardan un sentido tan estritamente simétrico e a escultura "empeza a moverse".
O hieratismo desaparece e os personaxes adoptan posturas cómodas na pedra, sorrín e parecen desexar a sedución estética grazas aos seus xentis xestos, os seus coidados vestidos e peiteados cabelos.

1 comentario:

  1. Non cabe dúbida de que a inconografía románica é ampla e rica. Nese tempo cumplía unha función didáctica empregada pola Igrexa para seguir detentando o seu poder na terra e no ceo. Unha aperta.

    ResponderEliminar