martes, 1 de diciembre de 2009

Le moulin de la Galette - Renoir


Óleo sobre lenzo 131 x 175 cm
Museo d´Orsay (París)

Esta imaxe foi baixada da rede: http://arte.observatorio.info/wp-content/uploads/2008/03/renoirmoulin-galette.jpg

O Moulin de la Galette era unha taberna ao aire libre, no outeiro de Montmartre onde ían os aprendices de pintores e estudantes coa esperanza de encontrar ás "grisettes", mozas dispostas a posar para un artista principiante sen recursos económicos ou pasar a noite con eles.

Ao fondo alzase o salón de baile; desta sala aberta por todos os lados cando vai bo tempo, chégase ao patio plantado de mimosas e poboado de mesas e bancos. Sobre a mesa da dereita amontóanse unha garrafa, unha botella e dous vasos cheos.

En canto aos personaxes, son homes e mulleres, a maioría mozos e mozas, todos moi requintados, uns cubertos con chapeus de palla ou chisteras;as mulleres e as mozas cos seus vestidos recen pasados, traxes con fitas, saias de raias, unhas con sombreiros, outras con moño, salvo a moza da esquerda cuxos cabelos flotan.

A escena ilumínase cun sol de verán. Non se pode dubidar que é unha festa.

Nin os personaxes, nin as árbores, nin o baile son os protagonistas senón a cor, o que reflexa a luz instantánea do momento. Esa luz unifica todo, pero tamén o transforma e diversifica. O movemento orixínase co aspecto cambiante da luz sobre a materia.

O debuxo desapareceu, as formas fúndense, esvaídas pola luz e impregnadas de cor. Esta maniféstase na pincelada solta.

Renoir compón coma un clásico; o seu espazo tridimensional está cheo de figuras que diminúen e se borran ao lonxe. O seu sentido da beleza, dinámico e cambiante, como a luz nos distintos momentos do día, manifestase na figuración dun tema que engade cor e movemento acompasado das figuras pola música, o borboriño das árbores arroladas polo vento, ou a estridente conversación dos que tamén participan da escena. Renoir concentra nos seus pinceis o poder suxestivo do ritmo do baile ou dos valores musicais da cor. A valoración estética impresionista resulta así integradora doutras manifestacións artísticas.

A composición organízase a través dunha diagonal e en diferentes planos paralelos que se afastan, elementos clásicos que non esquece o pintor. As figuras están ordenadas en dous círculos: o máis compacto ao redor da mesa e outro máis aberto ao redor da parella de bailaríns. A sensación de ambiente lógrase ao desdebuxar as figuras, creando un efecto de aire ao redor dos personaxes.

3 comentarios:

  1. Moi boa entrada. Renoir, imprescindible referente do Impresionismo, explicado con todo luxo de detalles. Noraboa, una explicación ó detalle desta gran obra na que o pintor pinta a luz nas cousas e persoas. Unha aperta

    ResponderEliminar
  2. Me encanta Renoir.Tengo alguna entrada con alguno de us lienzos

    Bicos

    ResponderEliminar
  3. Gracias por la descripción de la taberna. Lo que mas me gusta son las caras de las mujeres, tienen luz. Un abrazo

    ResponderEliminar