martes, 17 de marzo de 2009

O Moisés





Todas estas fotos foron collidas da internet


Moisés (É a figura central da tumba do Papa Xullo II, na igrexa de San Pedro in Víncoli, en Roma)
Autor: Miguel Anxo
Realizada en 1515. É unha escultura renacentista do século XVI, Cinquecento en Italia.
É de mármore de Carrara, realizada en vulto redondo, de corpo enteiro e sedente.

Análise das formas:
O tema é bíblico: o profeta Moisés, ao regresar da súa estancia de corenta días no monte Sinaí, portando debaixo do brazo as Táboas da Lei para ensinarllelas aos israelitas, contempla arrepiado como estes abandonaron o culto de Xehová e están adorando ao Becerro de Ouro.

O modelado é perfecto; Miguel Anxo tratou o mármore, o seu material predilecto, coma se fose plastilina. O estudo anatómico é dun naturalismo perfecto. A luz escorrégase polo mármore branco pulido. As roupas caen en pregues onde xogan luces e sombras dando á figura volume.

A composición é pechada, clásica; estrutúrase nun eixo vertical desde a cabeza ata o pregue formado entre as pernas do profeta, cuxa figura queda enmarcada por dúas liñas rectas verticais nos extremos.

Existe un lixeiro contrapposto marcado polo xiro da cabeza e a simétrica composición entre brazo esquerdo cara arriba e dereito cara abaixo, así como perna esquerda cara a fóra e dereita cara a dentro. As liñas rectas quedan dulcificadas e compensadas por dúas liñas curvas paralelas: a que forma a longa e ensortellada barba ata o brazo esquerdo, e a iniciada no brazo dereito estirado ata a perna esquerda.

Con esta complexa composición, o artista suxire o movemento en potencia; os músculos están en tensión, pero non hai movemento en acto. Consegue que este coloso non resulte pesado. Capta o instante en que Moisés volve a cabeza e vai levantarse, cheo de furia ante a infidelidade do seu pobo. Esta ira, a "terribilitá", que lle embarga exprésase no seu rostro, que se contrae nun xesto celludo. Miguel Anxo abandona os rostros serenos da súa primeira época e opta por unha expresividade acentuada, anuncio do Barroco. Moisés está cheo de vida interior. Posiblemente sexa produto non só da súa propia evolución persoal, senón tamén da influencia que sobre el exerceu o descubrimento do grupo helenístico do Laocoonte.

Podemos ver nesta escultura as características do estilo renacentista: procura da beleza, acentuado naturalismo, interese pola figura humana e a súa anatomía, tal como corresponde á cultura antropocéntrica do período humanista, do mesmo xeito que na Antigüidade clásica: composicións equilibradas, harmoniosas, movemento en potencia, perfección técnica.

A obra, o Moisés, é da súa segunda etapa. Pertence ao sepulcro do Papa Xullo II, o seu mecenas, que llo encarga en 1505, aínda que o artista non o remata ata 1545 , dun modo moi diferente a como o proxectou. O proxecto orixinal consistía nunha tumba exenta, a catro fachadas, con máis de corenta grandiosas estatuas, que se colocaría baixo a cúpula de San Pedro do Vaticano. Este delirante proxecto irá reducíndose por motivos económicos e familiares (xa morto o pontífice) ata que Miguel Anxo deséñao como un sepulcro encostado. Esculpe os Escravos, alusivos ás ataduras da vida humana, e a Vitoria, pero non se atopan no sepulcro definitivo, emprazado en San Pedro in Víncoli, onde só figuran sete estatuas: Raquel e Lea, que representan a vida contemplativa e a vida activa, o grandioso Moisés e algunhas outras apenas desbastadas.

Simbolismo:
algúns quixeron ver no Moisés un retrato idealizado do propio escultor ou do Papa Xullo II, temible guerreiro e líder espiritual, do mesmo xeito que o profeta bíblico. Outros pensan que pode ser un símbolo dos elementos que compón a Natureza; así, a barba representaría a auga e o cabelo, as lapas do lume. Para Miguel Anxo podería simbolizar a fusión da vida activa e a contemplativa, segundo o ideal neoplatónico.

3 comentarios:

  1. Una de estos días oí en la radio sobre las técnicas especiales que utilizaba Caravaggio para sus pinturas y,sin duda,estos renacentistas fueron increiblemente geniales.
    Abrazos

    ResponderEliminar
  2. MUCHAS GRACIAS TERE POR VISITARME TAMBIÉN EN ESTE BLOG.
    Este y "Dúbidas sobre a lingua" los abrí pensando más en mis alumnos, sobre todo en un grupo que tengo que hacen el Acceso a la Universidad para Mayores de 25 años, es gente que trabaja y que a veces no puede venir a clase. Sin embargo como veo que tengo seguidores y eso me anima muchísimo, voy a ver si, sobre todo este, lo amplio un poquito más.
    El arte es mi pasión.
    Un bico

    ResponderEliminar