jueves, 5 de marzo de 2009

Pietà Rondanini



Miguel Ánxo
1555-1564. Altura: 195 cm. Mármol.
Museo d'Arte Antica, Milán.


"A Virxe, estrañamente erguida, sostén a Cristo morto entre os seus brazos. Os corpos alárganse, mórbidos, deslizándose un sobre outro, sen apoio posible, en equilibrio inestable, en artificiosa estilización que produce no espectador considerable intranquilidade. As cabezas dóbranse e o "abrazo" da nai nada ten xa que ver coa calma impasible que outras piedades evidenciaron. Coma se non dispuxesen de espazo suficiente, as figuras encóllense nun plano angosto, acentuado polas pernas dobradas de Cristo, e xa non loitan contra el, non tratan de escapar del, non se retorcen para vencelo, como moitas figuras da Sixtina, senón que están aí encartándose, desconxuntadas, incoherentes... As figuras non son xigantes, como aínda o eran na Piedade de Santa María das Flores (1550/55) ou na mesma Piedade Palestrina (1550/59), nin hai ningún Nicodemo que soporte o corpo inerte de Cristo. Aquí só un estraño abrazo da Virxe, co que non sabemos se soporta o corpo de Cristo ou se abraza a El, vaise con El. Que sucedeu? Por que aquela desmesurada intensidade deu paso a esta incoherencia desmedida?. Se o David podía ser o símbolo non xa de Florencia senón do Renacemento mesmo, a Piedade Rondanini que ten de renacentista? O mundo desconxuntado que constitúe o seu horizonte non é o dun triunfo ou unha proclamación, é o dunha escisión, esa que a historia da arte denomina manierista, cando Europa ve como os ideais renacentistas se fan pedazos na crise relixiosa, no auxe do absolutismo e das novas formas económicas." (Boceira, V., ob., cit., páx. 169).
Respecto das interpretacións, insistiuse, por unha banda, nos seus antecedentes medievais (o grupo recorda os descendementos medievais tanto italianos como flamencos), e por outra banda, vese esta Piedade como unha manifestación da ideoloxía dominante neses anos no ambiente romano de Vittoria Colonna, Xuán de Valdés... Medievalismo que é un recurso ou recordo dos elementos dramáticos que atopamos nalgúns descendementos e que Miguel Anxo leva ata as súas últimas posibilidades; e recurso adecuado á ideoloxía dos círculos intelectuais romanos insertos na crise dos valores renacentistas, incapaces de asentir ás novas concepcións que a monarquía e o papado están impondo rápida e violentamente. Se no David se presentaba unha alternativa, unha proposta positiva para o pobo florentino centrada na máxima estimación das súas virtudes cívicas, e a través dela unha proposta global sobre os valores do home no marco do humanismo, esta Piedade non é capaz de transmitir senón a negatividade mesma en que a crise se apoia. A Pietà Rondanini parece constituír o punto final da obra escultórica de Miguel Anxo e sedúcenos, dentro do seu inacabamento, pola súa relixiosidade austera que non se axusta ás recomendacións do Concilio de Trento. "A patética imaxe de María levando o corpo inerte do seu Fillo -ao cal Miguel Anxo, nun arrebato místico, outorgou os seus propios trazos- oponse a calquera especulación sobre a Beleza. A Fe e o abandono nas mans de Deus son os únicos que garanten a salvación. Deste xeito finaliza o Renacemento. O optimismo humanista que dá comezo no ámbito da escultura coa serenidade apolínea e xuvenil do San Xurxo de Donatello conclúe co pesimismo e a melancólica terribilità do xenio saturnino. O exaltado descubrimento do Home e dos seus poderes conducía fatalmente á conciencia dos insignificante que son as vanidades terreas que o Tempo devora, e a gozosa afirmación do poder do estilo levou á afectación expresiva, lúdica e exasperada da "maniera"" (Ceysson, B., ob., cit., páx. 88)

No hay comentarios:

Publicar un comentario