


Miguel Anxo 1501-4. Mármore. Altura 410 cm. Galleria dell'Accademia. Florencia.
Unha das obras máis coñecidas de Miguel Anxo Buonarroti. Fíxose cargo da obra en 1501 (cando só contaba con 26 anos), e rematouna en 1504, aproveitou un gran bloque de mármore de Carrara que comezara a desbastar Agostino dei Duccio (1463), a quen se lle confiou sen éxito e, posteriormente, a Antonio Rosellino.
O David consérvase na Galería da Academia de Florencia. Tamén se lle coñece como "o Xigante", xa que mide 5'35 m de altura (hai que ter en conta que naquela época non había medios para extraer o bloque das canteiras nin para transportala).
A obra é o triunfo de Miguel Anxo en Florencia porque esta recupera o canon clásico e, ademais, fusiona a noción de beleza cun carácter relixioso e político tradicional en Florencia, xa que a representación de David ten un cúmulo de valores para esta cidade. Converténdose, deste xeito, nun símbolo de vitoria para os florentinos.
Esta enorme escultura confirmou ao artista como o máis prestixioso do seu tempo. Tamén recupera a noción de estatua colosal que Miguel Anxo puido ver en Roma, así como, a nudez (referencia directa á antigüidade); e creou como o escultor clásico Policleto un novo canon que fascinou aos seus contemporáneos.
Cando rematou a obra colocárona diante do Palazzo Vecchio, na Praza da Signoria (centro da cidade) e, de alí, pasou á Galería da Academia en 1873. Aínda que unha copia do David pode verse actualmente na praza. Ao principio, o David estaba destinado a decorar un dos contrafortes da fachada da catedral de Santa María do Fiore, pero unha comisión decidiu que debía ocupar un lugar máis honorífico.
A obra móstranos un proceso de dentro cara a fóra, un movemento anímico interior que se reflicte no seu rostro. Presenta unha anatomía perfecta, é a fusión dun corpo belo e, ademais, ten unha concepción heroica do ser humano.
A figura posúe unha poderosa enerxía nos seus xestos, o que os seus contemporáneos chamaron a terribilità. Unha cabeza grandiosa con mirada altiva, unha man robusta e algo esaxerada, e unha perfecta musculatura. Hai nel unha tensión vital que se mostra nas veas da man. O David ten unha postura desafiante, e difire dalgunhas versións feitas anteriormente por outros artistas. A disposición do seu corpo é tensa pero, á vez, relaxada. As veas das mans e os pés ínchanse, teñen un perfecto tratamento. Do mesmo xeito que os bucles, que recordan á escultura clásica.
Non presenta movemento, tan só volve a cabeza e dobra o brazo.
Ten unha expresión pensativa, non nos está presentando a acción senón a espera; con actitude enérxica espera o momento de atacar ao xigante Goliat. O entrecello engurrado indícanos unha reflexión, a concentración previa antes de lanzar a pedra, sostida pola man en desproporción; a fonda colga das súas costas.
Miguel Anxo non nos mostra a un David vencedor, senón o momento precedente ao acto.
A obra presenta calidade, orixinalidade, harmonía e perfección.