martes, 28 de abril de 2009

Nôtre-Dame- du- Haut, Ronchamp





Le Corbusier, arquitectura organicista,Francia, terminada en 1954

Pertence á arquitectura do Movemento Moderno ou Estilo Internacional, dentro da tendencia Organicista.
Chama a atención a súa orixinalidade e fantasía. Certos críticos cualifícana de irracional. A igrexa álzase na cima dun outeiro, antigo lugar de peregrinación. A súa planta é irregular. No exterior, grosos muros brancos, curvados e inclinados lixeiramente, forman un volume compacto, escultórico, cunha enorme cuberta escura en forma da carena de barco, partida por un gran contraforte como unha proa, no que converxen as paredes e o teito. No muro este sitúase un altar ao aire libre, cun púlpito e unha tribuna para o coro, protexidos pola esaxerada cuberta. O outro muro está perforado por numerosos vans, de formas variadas... Non existe unha fachada principal, xa que se xunta a visión de fronte e de perfil. Podemos ver á esquerda da fotografía unha das torres semicilíndricas (hai tres).

Análise formal: Os materiais son moi sinxelos. A estrutura do edificio é de aceiro e formigón armado, materiais industriais. O béton brut (formigón visto e rugoso) forma a cuberta e está enlucido de xeso nos muros. O vidro de cores aparece en fiestras e portas. Sinxelos bancos de madeira fan grato e recollido o interior.

Elementos construtivos:
Os grosos muros parecen soster a obra, pero se nos fixamos, vemos que só son macizos en aparencia xa que a cuberta non apoia no muro de forma continua, quedando unha fenda entre ambos. O esqueleto estrutural do edificio é de aceiro e formigón armado, o que permite concentrar os esforzos nos pivotes angulares. A igrexa é dunha gran austeridade e sinxeleza, as paredes aparecen espidas, sen decoración. A ornamentación é resultado dos mesmos elementos construtivos. Le Corbusier concibiu a obra como un obxecto plástico, unha escultura ao aire libre, relacionada co espazo natural, de grande intensidade e forza. Preocúpase polo movemento dos volumes e aproveita as calidades expresivas dos materiais e a súa cor: branco dominante nos muros, escuro na cuberta, vidreiras de cores nas fiestras, que crean fortes contrastes de luz no interior.

Función: É unha igrexa de peregrinación. A imaxe milagrosa da Virxe está na parede do altar. Pero o arquitecto alterou a tipoloxía tradicional dunha igrexa, suprimindo a organización xerárquica do espazo interior. O interior, sinxelo e recollido, é moi apto para a oración e a meditación. O ambiente é misterioso e íntimo, espiritual, debido á iluminación a través das fiestras abucinadas e irregulares. A luz coloreada das vidreiras ten o mesmo simbolismo que nas catedrais góticas: a luz divina. Así Le Corbusier reconcíliase coa arquitectura tradicional e mostra o seu respecto polo pasado, xa que a igrexa evoca a atmosfera máxica dos templos prehistóricos e medievais...

O estilo: Esta obra pertence ao Organicismo. Ten as características típicas desta tendencia da arquitectura moderna ou internacional do século XX:
- A función é o punto de partida da arquitectura ("As formas seguen á función". Sullivan).

- Predominio de liñas curvas e dinámicas, por influencia dos obxectos deseñados por enxeñeiros (avións, automóbiles) fronte á recta usada polo Racionalismo.

- Uso de materiais industriais (formigón armado, aceiro, vidro), prefabricados, que fan máis barata e rápida a construción e naturais (pedra, madeira).
- Planta libre e flexible...
- Busca a relación coa natureza, con formas simples adecuadas á paisaxe.

- Arquitectura humanizada fronte ao mundo da tecnoloxía. Ponse os medios técnicos ao servizo do home. Prima o artístico sobre o útil. Fóxese da monotonía, buscando a orixinalidade e facendo do edificio un organismo vivo, que provoque sensacións e permita ao individuo integrarse nel. O mellor representante desta tendencia orgánica é o arquitecto norteamericano F. Lloyd Wright.


O autor: Charles Edouard Jeanneret, coñecido como Le Corbusier (1887-1965) é un dos máis xeniais arquitectos do século XX. Artista polifacético (teórico, urbanista, pintor...) nace en Suíza e desenvolve en Francia a maior parte da súa revolucionaria obra. En 1919, ao contacto coas vangardas pictóricas (Cubismo), convértese no principal representante do Racionalismo purista, propondo o uso de formas simples, rectas, deseñadas de acordo á súa función e a harmonía coa natureza. En 1923 publica " Cara a unha arquitectura", libro que reúne os seus artigos. En 1926 expón os seus principios arquitectónicos en " Os cinco puntos dunha nova arquitectura".

No hay comentarios:

Publicar un comentario