lunes, 6 de abril de 2009

A escola de Atenas




Imaxe tomada de http://4.bp.blogspot.com/_sD9yQTE5QZQ/ReRyKkSLDRI/AAAAAAAAAyc/uPw12LkI6Yo/s400/personajes.jpg

Rafael Sanzio de Urbino, mestre do Renacemento, Cinquecentto italiano .
Trátase dun fresco realizado entre 1508-1511.
A finais de 1508, a Rafael propúxoselle pintar as Estancias Vaticanas.
Esta obra atópase na sala da Signatura, O Vaticano


Detalles da obra
O autor formouse en Florencia e recibiu a influencia dos grandes artistas da época, como Miguel Anxo, Da Vinci ou Ghirlandaio. Por orde de Xulio II dirixiu a parte final da basílica de San Pedro.

Contesto histórico

Atopámonos nun contexto onde a igrexa se erixe en líder do poder político, social, económico e relixioso. Ten que competir co protestantismo, propio dos países do norte de Europa, e a arte é unha forma de mostrar o seu poder.


Análise iconográfica e formal

Rafael trasládanos ao mundo clásico, onde a xente discutía nas prazas públicas (ágora) sobre política, relixión e temas interesantes.

Nun marco arquitectónico que recorda a Roma clásica (en Grecia non se utiliza o arco) vemos unha serie de personaxes importantes no mundo do pensamento. Outra teoría sobre o edificio é que representa o proxecto de Bramante para o Vaticano. A verdade é que Rafael mostra un grande interese na representación de estruturas arquitectónicas.
A escena está presidida polas esculturas de Apolo e Atenea, deuses defensores da arte e o coñecemento. No centro, xusto no punto de fuga, aparecen os protagonistas absolutos da obra, Platón (co seu libro o Timeo nunha man e sinalando coa outra cara ao ceo, o seu mundo ideal) e Aristóteles (coa súa Ética e sinalando cara á terra, a súa realidade material). Paradoxalmente, é innegable a súa influencia na relixión cristiá.
De esquerda a dereita, vemos ao propio Rafael, á beira dun discípulo seu, que mira directamente ao espectador para chamar a atención. Ptolomeo, cunha coroa en referencia á dinastía Ptolemaica en Exipto e cun globo terráqueo nas mans, como símbolo da súa teoría xeocéntrica do universo. Ao seu lado Zoroastro cunha esfera celeste; crese que é un retrato do cardeal e humanista Pietro Bembo. Arriba Protagorás de Abdera. Euclides, representante da xeometría, mide cun compás unha figura; ten a cara de Bramante. Dióxenes o cínico, estirado na escaleira en símbolo do seu rexeitamento ás posesións, permanece totalmente indiferente ante o que pasa ao seu arredor, o seu corpo serve de unión do grupo superior co inferior. Heráclito, xa á dereita de Platón e Aristóteles, descansa pensativo, contrariando a súa filosofía que di que todo se atopa en continuo movemento; este ten rostro de Miguel Anxo. Arquímedes, á súa dereita, sostén un libro. Arriba Sócrates expón as súas ideas a Alexandro, o único representado con armadura aínda que aparentemente era gran amigo das artes e as ciencias. Á esquerda Pitágoras, representando a aritmética e a música, lendo a un grupo de mozos. Para rematar Epicuro, que busca a felicidade nos praceres do espírito.

Valoración estética

A Escola de Atenas representa a sabedoría antiga. Non hai paisaxe, hai arquitectura porque a sabedoría antiga é unha construción do pensamento humano. As persoas son concibidas a escala da arquitectura, monumentais. Hai só unha perspectiva ao longo dun eixo central; é a perspectiva racional, que corresponde a "lóxica", que non sendo revelación, é a única guía deste pensamento.Suxírese as perspectivas dos corpos laterais: o esquema deste espazo é un esquema en cruz. É unha composición pechada e aberta á vez. As liñas son claramente verticais, conferindo estaticidade á escena. Hai algunha diagonal que outorga movemento, pero só o xusto que necesita a obra.O espazo arquitectónico encóntrase limitado pola superficie das paredes e das bóvedas que constitúen obstáculos sólidos á incidencia da luz, que ten fontes ben definidas. O claroscuro faíse máis intenso, máis forte a modelación das formas e en consecuencia máis marcados e individualizados os movementos das figuras. Rafael alcanza nesta obra un gran dominio da perspectiva. Os personaxes son debuxados con cores claras e con escorzos; crean grupos, relaciónanse entre eles. Existe un gran predominio do debuxo sobre a cor.

No hay comentarios:

Publicar un comentario