martes, 14 de abril de 2009

As Meninas





Velázquez: As Meninas ou A Familia de Felipe IV.
1656. 310 x 276. Óleo sobre lenzo.
Museo do Prado, Madrid.



O tema
do cadro parece trivial, a infanta e as súas damas de compañía (meninas en portugués) irrompen no estudo de Velázquez, pintor de cámara do rei Felipe IV, que se atopa pensativo e observa os modelos que se dispón a pintar. Nós podemos ser eses modelos xa que somos contemplados por Velázquez. Con todo, os reis Felipe IV e Mariana de Austria, a quen vemos reflectidos no espello do fondo, son as persoas que o pintor retrata.
Pero vaiamos por partes, en primeiro termo e de esquerda a dereita temos a María Agostiña Sarmiento que está facendo unha reverencia e ofrecendo nunha bandexa prateada cunha xarriña vermella á infanta Margarida de Austria que se atopa no centro da composición e resulta ser unha deliciosa e encantadora nena de seis aniños de idade. Margarida acepta coa súa man a xarriña e obsérvanos coa súa candorosa mirada infantil. Un pouco máis á dereita vemos a outra menina, Sabela de Velasco, que tamén mostra os seus respectos mediante unha suave reverencia. A seguinte é Maribárbola, anana macrocéfala de orixe alemá, que tamén nos mira e, finalizando este plano, Nicolasillo Pertusato, que parece un neno pero tamén era un anano, bastante fervello, pois está dando unha patada a un gran mastín deitado no chan.
Un pouco máis atrás, á esquerda, está o pintor Velázquez suxeitando un pincel na man dereita e a paleta cos demais pinceis na esquerda. Estase inspirando para pintar aos reis e representouse a si mesmo moi requintado. Diante del está a parte posterior do lenzo sobre un cabalete.
Na zona dereita e, nun segundo plano, vense dous personaxes: a dama Marcela Ulloa, garda menor de damas e un cabaleiro sen identificar que sería un servente da corte e que ten as mans xuntas mentres escoita a conversación da dama. Para marcar a distancia e o espazo, Velázquez sitúaos a ambos en penumbra e máis abocetados que as meninas.
Ao fondo, unha porta de madeira ábrese a unha estancia posterior moi iluminada e Xosé Neto, aposentador da corte, está nas escaleiras, non sabemos se vén ou se vai. Leva un chapeu na man e viste unha elegante capa negra. A luz é de tal intensidade que fai brillar a escaleira, a porta e a persoa de Xosé Nieto.
Colgado na parede está un espello que reflicte a luz e onde o rei e a raíña aparecen cunha cortinaxe vermella. Non sabemos se están quedos pousando para Velázquez ou se entran nese momento na habitación.
A estancia é ampla e de teito alto, sería o estudo do pintor e por iso hai grandes cadros polas paredes. As fiestras da parede dereita e están alternativamente abertas e pechadas o que acentúa a sensación de profundidade e de atmosfera real. O gran tamaño das figuras, case natural, subliña aínda máis a súa presenza nun espazo moi crible.

A TÉCNICA.
Tecnicamente o cadro é insuperable. O conxunto de perspectivas utilizadas é único e produce un efecto "atmosférico" no ambiente representado, coma se o pintor pintase o aire entre as figuras.
Análise da obra: a primeira perspectiva que se observa é a lineal, diversas liñas imaxinarias ou non (liña do teito-parede; cadros colgados, o chan) guían a nosa vista cara ao fondo e fannos crer nunha forte tridimensionalidade. Este asombroso efecto refórzase cun chan neutro que avanza cara á nosa posición e cuns espazos alternativamente iluminados e en penumbra que subliñan o efecto de afastamento. A outra perspectiva é a aérea, a difuminación progresiva dos contornos e a degradación das gamas tonales co aumento da distancia e o afastamento. Como remate, Velázquez pon un buraco iluminado no centro (a porta aberta) que dá a unha estancia onde non vemos o fin, é dicir, o cadro ten unha perspectiva ilimitada.
Esta combinación de perspectiva aérea e lineal é o que máis fascina da obra dende o século XVII
A gama cromática empregada é limitada e contida, predominan os grises e os ocres, pero tamén aplica cores fortes como o vermello lume en pequenos detalles da vestimenta das nenas como laciños, pasadores de pelo e adornos florais. Deste xeito rompe a monotonía de cores e atrae a nosa atención. A calidade de representación das sedas brillantes con grises e brancos moi luminosos resultan dunha beleza cegadora.

O QUE NON SE VE
.
Por outra banda, o espello é a burla espacial por antonomasia, engánanos e confunde, crea espazos ilusorios e, se te colocas de costas e miras o cadro cun espelliño, levarás unha sorpresa polo efecto fortemente realista que produce. Cando contemplas o cadro directamente, a túa vista é dirixida cara ao fondo e o espello devólveche a imaxe. Así créase unha interrelación tan estreita entre o pintado e o real que resulta difícil distinguilos.
A aparente trivialidade do tema é tamén enganosa xa que Velázquez estivo toda a súa vida reivindicando a superioridade da pintura por riba das actividades puramente artesanais entre as que estaba incluída; el consideraba a pintura como unha actividade intelectual superior, cuxo momento importante non era o acto de pintar senón a idea, o concepto e o pensamento previos ao feito mecánico de aplicar o óleo sobre o lenzo. En resumo, a superioridade do artista sobre o artesán.
Outra mensaxe é o futuro prometedor da monarquía española, coa sucesión asegurada. A última lectura da obra sería a relación de profunda amizade do pintor cos reis e a infanta, todos eles aparecen representados no mesmo cadro.

O QUE SE PODE DESCUBRIR
Existen detalles que se nos propomos podemos observar para comprender a excepcionalidade deste cadro único. Fíxate no can, tan real que só lle falta ladrar, ou na cariña delicadísima da infanta, ou no cabelo de Nicolasillo, brillante e recentemente lavado, ou na prestancia e apostura de Velázquez co seu coidado bigote, a súa peiteada melena e a súa esvelteza anatómica. Ou ben nos cadros da estancia, identificados como Minerva e Aracne (Rubens) e Apolo e Pan (Jordaens).


No hay comentarios:

Publicar un comentario