lunes, 18 de mayo de 2009

A Fonte


Marcel Duchamp
Obxecto: ouriñal de porcelana.
Museo de Arte de Filadelfia.


En 1917 Marcel Duchamp foi invitado pola galería Grand Central de Nova York a formar parte do xurado dunha exposición de artistas independentes.
Sen informar a ninguén, o propio Duchamp enviou para expor nesa exposición este urinario de porcelana branca asinado co pseudónimo "R. Mutt". Cando a súa Fonte foi rexeitada para a exhibición, Duchamp renunciou ao xurado e o incidente causou un escándalo que sacudiu ao mundo da arte.
Con esta actitude provocadora Marcel Duchamp quixo mostrar a súa desilusión ante as formas tradicionais da arte, pintura e escultura, como medios de expresión, e o seu rexeitamento ante a idea de que a arte e o artista teñen unha "natureza especial" distinta á dos homes e obxectos ordinarios. O seu xesto de enviar á exposición un produto comercial fabricado en serie e asinado por un "artista" inexistente, oponse radicalmente á sacralización da obra de arte como "creación única e irrepetible", saída das mans dun "xenio". Este desafío "antiartístico" propuña romper coas barreiras da arte e ampliar os seus horizontes. O concepto artístico que Duchamp postula con obras como A Fonte é o do ready-made, é dicir "o xa feito" ou "obxecto atopado". É dicir que atopa obxectos manufacturados que descontextualiza do seu contorno común e aos que lles outorga unha nova identidade. Con iso, Duchamp sitúa a esencia do acto artístico na IDEA e selección do obxecto, non na creación nin na imaxe visual da obra. No seu momento, e quizá aínda, obras como esta tomábanse como unha agresión. Marcel Duchamp usou este tipo de violencia para combater as ideas convencionais da arte. A súa actitude coincide co movemento dadaísta (Zúrich, 1916), onde se cuestiona a validez da arte mesma. Duchamp e os dadaístas buscaron demoler as barreiras entre a arte e a vida, declarando que calquera podía ser un artista e calquera cousa podía converterse nunha obra de arte.

No hay comentarios:

Publicar un comentario