martes, 12 de mayo de 2009

A Olimpia


Édouard MANET
1863
Óleo sobre lenzo 1,30x1,90 m
Museo de Orsay, París

Descripción:
Moitas das composicións de Manet proveñen directamente das dos grandes mestres da pintura clásica. Para a composición desta obra Manet inspírase na Venus de Urbino de Ticiano e na actitude provocativa do personaxe en Goya.
Trátase do retrato dunha cortesá, esperando a un cliente anunciado polo ramo de flores.

Sobre a cama unha muller espida, só ten nos pés unhas chinelas. O seu aspecto é grave, indiferente, profesional; non hai sorriso, non hai ningunha incitación na mirada perdida, fixada ao lonxe, recta e tranquila, estrañamente secreta. A súa man esquerda está pousada sobre o sexo.
A serventa negra mira para ela. Muller branca, muller negra, dous rostros dunha mesma feminidade que se interrogan en silencio. Entre elas, o ramo de modestas flores campestres, envolvido nun simple papel branco. Ese ramo non interesa a ningunha das mulleres, é aos espectadores a quen está destinado. O inocente can de Ticiano, Manet substituíuno polo gato (ou gata) negro aos pés da cama, co lombo arqueado e o rabo encrespado suxírenos a presenza dun intruso no universo da Olimpia.
A escena perturba pois non só a muller é provocante, senón que nada no cadro parece condenala por comerciar así cos seus encantos.


A composición e a color:
O lenzo está dividido verticalmente en tres rexistros, un para cada personaxe: Olimpia, a serventa, o gat@. Os dous primeiros perfectamente iguais, articúlanse sobre o bordo da alcoba. Un prego vertical negro delimita o terceiro.
A cama no primeiro plano, coa súa roupa branca, afirma unha grande horizontalidade, movida polas liñas oblicuas que se levantan en abano ata a rigorosa vertical do lado dereito. As dúas mulleres inscríbense en dúas pirámides sutilmente encaixadas, formando a base dunha gran pirámide truncada cuxo eixo corresponde á vertical amarela. Esta estrutura piramidal, redobrada e invertida, confire á obra un carácter monumental e solemne.
O conxunto das formas claras, cos seus eixos lineais, compoñen unha "M". A pequena horizontal visible na abertura das cortinas, por riba da cabeza da serventa, cerra a composición na parte superior e detén a elevación das oblicuas. As liñas e miradas converxen nun centro de perspectiva: o sexo invisible da muller.
Sobre fondo pardo do tabique, o branco azulado da roupa da cama exalta o corpo luminoso da muller. Á inversa, sobre o verde das cortinas, o traxe rosa e dourado da serventa presenta o rectángulo do ramo de flores do mesmo branco que as sabas. O amarelo pálido do chal crea un paso delicado entre a carne tibia e o branco da saba, adornado cunha repetición discreta dos verdes e os vermellos do ramo. As dúas cabezas correspóndense simetricamente en valor positivo e negativo, o gorro da serventa como un eco invertido do peiteado da Olimpia.








No hay comentarios:

Publicar un comentario