martes, 9 de junio de 2009

Ronda Nocturna



Descripción: Óleo sobre lienzo. 359 x 438 cm.
Localización: Rijksmuseum. Amsterdam
Autor: Rembrandt
(1642)


Iconografía:


O espectador que se coloca ante o cadro ve saír da escuridade un grupo de homes armados sobre un fondo arquitectónico. Un capitán vestido de escuro e ao seu carón un oficial con uniforme claro destacan como xefes. Os dous camiñan cara nós adiantándose aos demais que veñen en grupo seguíndoos.


A dereita, sobresae un tambor e detrás del un sarxento dirixe aos seus homes cara o centro do cadro. A esquerda un segundo sarxento con helmo e albarda, que mira ao capitán, aparece sentado nunha escaleira cara a que corre, en primeiro término á esquerda un rapaz. Desde atrás adiántanse outros personaxes: un carga o seu mosquete mentres avanza; uns nenos corren cara o centro, e por riba deles saen do portal alto o alférez e os seus acompañantes.


A Ronda nocturna representa polo tanto a alguén: estes guerreiros vestidos de maneira fantástica e heteroxénea son uns personaxes determinados. A Ronda Nocturna é un retrato: Móstranos as efixies dun número de cidadáns de Amsterdam, retratados aquí como grupo.



Análise formal e valoración estética


Trátase dun retrato de grupo de composición moi pouco convencional, pois máis que representar a uns individuos concretos plasma unha acción.


As figuras ataviadas de maneira fantástica teñen trazos marcados, pero como retratos apenas son recoñecibles. A pesar do epígrafe do pórtico non pode identificarse a ningún tirador. Dezaoito nomes cita o epígrafe. Os rapaces: o da esquerda corre cara a auga, o segundo, que levanta o seu mosquete, vestido con armadura teatral, e detrás del a enigmática nena de cuxo cinto colga un polo branco, unha pistola e un corno de pólvora; detrás, unha segunda rapaza cun pavo real. Estes nenos son seguramente pequenos portadores de pólvora e escudeiros que desfilan cos tiradores.


Rembrandt creou unha auténtica explosión de movemento de suma complexidade deixando de lado todos os trazos de orde máis estáticos.


O movemento de avance dos dous primeiros oficiais é o factor decisivo na confusión xeneral de direccións. A súa influencia dominante dentro da composición basease ante todo na prominencia e sorprende o realismo destas dúas figuras, aínda que tamén contribúen a isto unha serie de acentos que hai noutras partes da composición. A diagonal que forma a pica do tenente, que marca a dirección do movemento cara adiante a partir do ángulo inferior dereito, repítese nas diagonais paralelas do rifle e a lanza, por riba e detrás. E a diagonal contrastante do bastón de mando do capitán cobra forza adicional grazas aos dous acentos oblicuos paralelos do lado esquerdo. A diversidade do movemento, tanto no espazo como na superficie do cadro, é levada ao máximo sen romper a tendencia predominante a avanzar. Vense cabezas a diferentes niveis, pois hai nenos correndo entre a multitude e homes dobrados que cargan os seus mosquetes. Rembrandt introduciu tamén chanzos no fondo co fin de elevar a posición do grupo que se encontra detrás.


Á iluminación xeral procede diagonalmente dun foco principal exterior no lateral esquerdo. Paralelo e complementario deste destaca outro máis baixo e máis plano centrado no personaxe da rapaza, que parece irradiar luz.


Como complemento da luz e inseparable dela, móstrasenos a cor. Este cadro representa unha fase da súa evolución na que o artista introduciu vivas cores no primeiro plano da organización do claroscuro, coordinando desta forma as dúas técnicas dunha maneira que pode cualifícarse de persoal e sorprendente. A severidade e intensidade tanto do claroscuro como da cor son responsables do profundo dramatismo desta obra. Os acentos máis fortes de luz e cor coinciden na figura do tenente, que leva un uniforme amarelo limón. En contraste co uniforme negro do capitán intensifica o brillo deste amarelo que volve aparecer, cunha tonalidade algo máis pálida e máis fría, se ben máis intensa, na figura da rapaza que hai a esquerda. Estes fondos amarelos relaciónanse con áreas máis grandes de vermello alaranxado ata crear unha harmonía predominantemente cálida. O vermello da banda do capitán é o máis intenso de todos, o do fusileiros parece algo máis apagado o mesmo que o vermello do tambor que se combina cun dourado. As tonalidades frías xogan un papel secundario.

1 comentario:

  1. Buen análisis del cuadro, uno de los más conocidos de Rembrandt.
    Lamento no expresarme en gallego, pero lo comprendo perfectamente.

    ResponderEliminar