viernes, 25 de diciembre de 2009

Feliz Ano



imaxe tomada da rede:https://blogger.googleusercontent.com/img/b/R29vZ2xl/AVvXsEgMEtUBBR9ZdGR-QuiW7sLkgAP9Ukt2Tw6SjbO2LhL5QPX-qicAqL19xRIPXU4fud7yBZRzWl-AJlFbOnZ8jCaWbp_8R6PshfAkMW9HV6hfX6iwBVazuhKgGLfyDVl_WGTjrZJkM6wytpg/s1600/tarxeta_dixital_cgendl.jpg

miércoles, 16 de diciembre de 2009

Le Déjeuner sur l'herbe


Le Déjeuner sur l'herbe, Édouard Manet en 1863. 208 cm x 264,5 cm . Pintura ao óleo. Museo de Orsay, París.

Descrición iconográfica e valoración estética


O cadro representa un xantar nunha fraga, preto de Argenteuil, por onde discorre o río Sena. A muller espida, a modelo Victorine Meurend, cuxo corpo está cruamente iluminado, mira directamente ao espectador. Está sentada sobre unha tea azul. Os dous homes son o irmán de Manet, Gustave e o seu futuro cuñado, o escultor holandés Ferdinand Leenhoff. Están vestidos e parecen estar ocupados conversando, ignorando á muller. En primeiro termo, na esquerda, unha natureza morta con froitos e outros alimentos, así como vestidos e un chapeu. O tema procede dun cadro veneciano de principios do século XVI atribuído a Giorgione, Concerto campestre; a composición repite un grupo de divindades fluviais do Xuízo de Paris de Rafael.

O motivo dominante é a transparencia da auga na sombra húmida do bosque. Manet como "home da súa época", transforma as divindades fluviais en parisienses de vacacións e o concerto nun xantar ao aire libre. No fondo, unha muller lixeiramente vestida vadea a corrente do río. Demasiado grande en comparación coas figuras do primeiro plano, ela parece flotar. Existe unha desproporción entre a muller do fondo e a barca á dereita.Os contrastes cromáticos e a utilización da perspectiva aérea en clave moderna inscriben esta obra entre as obras mestras do século XIX.

As figuras, vistas en escorzo, preséntanse como zonas planas de cor, sen claroscuros, só con lixeiras variacións respecto da luz absorbida ou reflectida: así, o corpo brando e radiante da muller contrasta cos marróns, negros e brancos dos vestidos. A luz non é un raio que fere as cousas e os corpos, acentuando as partes saíntes e deixando á sombra ás entrantes: a cantidade de luz forma un todo coa calidade das cores. A paisaxe ten unha estrutura en perspectiva, con panos laterais arbóreos e tres aberturas sobre a luz do fondo; con todo, a auga, a herba e as árbores forman uns veos transparentes que se superpoñen en zonas máis ou menos densas de penumbra verdeazul. As follas verdes reflíctense na auga, cuxa cor azul celeste se evapora na atmosfera coloreada polo verde das árbores. Neste xogo móbil dos veos do aire, as notas intensas das figuras constitúen a estrutura portadora de toda a composición. Xa non hai distinción entre os corpos sólidos e o espazo que os contén; na imaxe non hai elementos positivos e negativos: todo se ofrece á vista mediante a cor. Manet ve as figuras co ambiente. Non hai distinción entre luz e sombra; a sombra é só unha mancha de cor que se opón ás outras, máis ou menos luminosas. Existen relacións entre todas as manchas de cor: cada unha está influída polas outras e, á vez, inflúeas.

martes, 15 de diciembre de 2009

Degas, Asente (Ajenjo)


http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/9/91/Absinthe.jpg/436px-Absinthe.jpg

Asente ou absintio (castelán Ajenjo), Edgar Degas, 1876
Óleo sobre lenzo - Impresionismo
Museo de Orsay, París
Está moi lonxe dos motivos alegres e as gamas brillantes do Impresionismo. Servíronlle de modelo o pintor e gravador Marcellin Desboutin e a actriz Ellen Andrée.

Esta obra pertence ao período de transición 1865-1877. Degas aclara a súa paleta pero sen abandonar as cores escuras, transforma a súa pincelada en algo máis espesa. Está influenciado polas instantáneas fotográficas e as estampas niponas que o levarán a realizar composicións descentradas, chega incluso a cortar unha parte do corpo ou da cabeza dos seus modelos, a fin de prolongar o cadro máis aló do marco grazas a imaxinación do pintor unida a do espectador.

Unha gran parte do lenzo está ocupada pola perspectiva oblicua das mesas de mármore, cunha brusca desviación en ángulo agudo; éntrase visualmente no cadro por esta guía obrigada, coma se o espectador estivese no café. As superficies de mármore, vistas en perspectiva, forman unha especie de camiño que conduce forzosamente a mirada do espectador cara aos dous protagonistas. Para dar unha secuencia ao espazo, está entre as dúas primeiras mesas un xornal dobrado, facendo de ponte no camiño óptico. A desviación atrasa o encontro cos dous protagonistas; a atención pasa en primeiro lugar, pola botella baleira e, despois, polos dous vasos cheos de bebida, por mor dunha espontánea asociación de ideas. No primeiro vaso hai un líquido de cor amarelada, en relación coa roupa da muller; no segundo vaso hai un líquido vermello escuro, en relación co traxe, a barba e o colorido do home. Chégase así ao centro do tema, pero o tema non está no centro do cadro.

Ningunha das dúas personaxes se move, están ausentes, faltos de expresión; aprisionados no pouco espazo que hai entre a mesa e o respaldo do escano, caen nunha perspectiva que a parede de espellos que hai detrás fai aínda máis incerta e escorregadiza. Máis que a cara esbrancuxada da rapariga o que chama a atención son algúns detalles tristes, case grotescos: o falso luxo, os lazos brancos que leva nos seus zapatos, os adornos do seu corpiño e do seu chapeu; e no home, a súa vulgaridade e a súa estúpida fachenda.

É unha humanidade macilenta e desaproveitada, detida no tempo baleiro e no espazo, fría coma o mármore das mesas mal lavadas, gastada e destinguida como o veludo dos diváns.

A pesar da frialdade da análise, a sensación visual está aí; o significado humano está implícito no dato visual. Xa que logo, a impresión visual non é un limitarse a ver renunciando a comprender; é un novo modo de comprender e de permitir comprender moitas cousas antes non comprendidas.

Bibliografía:Enciclopedia del Impresionismo, Maurice Sérullaz

lunes, 14 de diciembre de 2009

Laoconte


Domenikos Theotokopoulos O Greco

Destaca non só a calidade extraordinaria, senón polo novidoso do tema e a liberdade na súa composición. É unha obra que, de algunha maneira, se separa das demais e acapara o interese particular.

Iconografía
O Greco trata o tema clásico de Laocoonte e os seus fillos: Laocoonte sacerdote troiano exhortou aos seus compatriotas a que rexeitaran o xigantesco cabalo onde se escondían os soldados gregos. Os deuses ao ver frustrados os seus plans de destruír Troia, mandaron dúas grandes serpes dende o mar para que estrangularan ao sacerdote e aos seus fillos.

No cadro do Greco a escultura helenística foi profundamente alterada, e en vez de aparecer tres figuras, aparecen seis e a terrible escena non ocorre na praia senón no arrabalde fóra da porta Nueva de Bisagra, que se ve ao fondo, e cara á que camiña o cabalo e que polo tanto Troia non é Troia senón Toledo.

Análise formal e técnica:
O pintor divide o espazo en tres zonas. O conxunto de figuras distribúese a maneira de friso no primeiro termo, contra as rochas do chan. A zona media ocúpaa unha paisaxe de Toledo, concibido con moita liberdade polo autor. A zona alta é un ceo nubarrento que presaxia infinitas desgrazas. A harmonía destes tres niveis horizontais está apoiada e equilibrada polos ritmos verticais da esquerda e dereita da composición. A distribución das figuras afástanse da súa homónima helenística, e separa aos tres protagonistas da escena. Un deles está de pé á esquerda da composición.
O pai e o outro fillo están no chan, o primeiro loita cunha serpe e o segundo xa está morto. As tres figuras principais constitúen unha figura xeométrica con dúas paralelas unidas por unha diagonal. Tres figuras espidas, dúas quizais sexan Apolo e Diana, a dereita, cerran a composición e son como misteriosos testemuños do drama. Un cabalo vai en solitario cara ás portas das murallas de Toledo.

Esta pintura manifesta a frialdade manierista: o pai e o fillo que loitan coa serpe parecen máis empeñados en exercicios circenses que en soster realmente unha loita a vida ou morte. Os réptiles sérvenlle ao Greco para debuxar arabescos no aire que completan o ritmo das figuras. O pintor pasa dun tratamento naturalista, como nas figuras do chan, a unha factura case inmaterial como as tres personaxes da dereita. Pero sempre impón a deformación dos contornos para acentuar a súa forma serpentinata e chameante, tipicamente manierista.

Bibliografía: Trabajos prácticos de Arte, Grupo Ágora

martes, 1 de diciembre de 2009

Le moulin de la Galette - Renoir


Óleo sobre lenzo 131 x 175 cm
Museo d´Orsay (París)

Esta imaxe foi baixada da rede: http://arte.observatorio.info/wp-content/uploads/2008/03/renoirmoulin-galette.jpg

O Moulin de la Galette era unha taberna ao aire libre, no outeiro de Montmartre onde ían os aprendices de pintores e estudantes coa esperanza de encontrar ás "grisettes", mozas dispostas a posar para un artista principiante sen recursos económicos ou pasar a noite con eles.

Ao fondo alzase o salón de baile; desta sala aberta por todos os lados cando vai bo tempo, chégase ao patio plantado de mimosas e poboado de mesas e bancos. Sobre a mesa da dereita amontóanse unha garrafa, unha botella e dous vasos cheos.

En canto aos personaxes, son homes e mulleres, a maioría mozos e mozas, todos moi requintados, uns cubertos con chapeus de palla ou chisteras;as mulleres e as mozas cos seus vestidos recen pasados, traxes con fitas, saias de raias, unhas con sombreiros, outras con moño, salvo a moza da esquerda cuxos cabelos flotan.

A escena ilumínase cun sol de verán. Non se pode dubidar que é unha festa.

Nin os personaxes, nin as árbores, nin o baile son os protagonistas senón a cor, o que reflexa a luz instantánea do momento. Esa luz unifica todo, pero tamén o transforma e diversifica. O movemento orixínase co aspecto cambiante da luz sobre a materia.

O debuxo desapareceu, as formas fúndense, esvaídas pola luz e impregnadas de cor. Esta maniféstase na pincelada solta.

Renoir compón coma un clásico; o seu espazo tridimensional está cheo de figuras que diminúen e se borran ao lonxe. O seu sentido da beleza, dinámico e cambiante, como a luz nos distintos momentos do día, manifestase na figuración dun tema que engade cor e movemento acompasado das figuras pola música, o borboriño das árbores arroladas polo vento, ou a estridente conversación dos que tamén participan da escena. Renoir concentra nos seus pinceis o poder suxestivo do ritmo do baile ou dos valores musicais da cor. A valoración estética impresionista resulta así integradora doutras manifestacións artísticas.

A composición organízase a través dunha diagonal e en diferentes planos paralelos que se afastan, elementos clásicos que non esquece o pintor. As figuras están ordenadas en dous círculos: o máis compacto ao redor da mesa e outro máis aberto ao redor da parella de bailaríns. A sensación de ambiente lógrase ao desdebuxar as figuras, creando un efecto de aire ao redor dos personaxes.

miércoles, 25 de noviembre de 2009



Gran Nu nunha butaca vermella, Pablo Picasso
1929.
Óleo sobre lenzo. 195 x 129 cm. Musée Picasso. París. Francia.



Este cadro fere a mirada pola súa composición contrastada, as súas cores crúas e violentas, o seu grafismo irregular, duro, sen graza, a materia pictórica espesa e gretada.


A muller
está escangallada nunha butaca vermella de formas envolventes cuxo asento e brazo dereito están cubertos por unha tea branca que cae ata o chan con grandes pregues. A muller ten a cabeza botada cara atrás, o brazo esquerdo levantado por riba do respaldo enmarcando a cabeza, o brazo dereito comodamente apoiado, as pernas cruzadas, as coxas amplamente separadas. Mirando ben, non é o brazo dereito o que está sobre o brazo da butaca, é a perna dereita, xa que este membro está unido a pelve, e non o ombreiro. O pintor quere facernos aproveitar a alternativa e reproducir o movemento por iso tan pronto estira a perna ante si como apoia sobre o brazo da butaca, o cal bascula a pelve e abre o sexo.
O tema central do cadro é a pelve que xira sobre o seu eixo e este xogo de pernas, mentres o embigo serve de eixo ao engrenaxe de curvas e contracurvas (nádega-brazo de butaca, etc.). As pernas estiradas diante organízanse coas verticais e as liñas oblicuas dos pregues da tea branca.
Na parte superior do corpo dúas formas malvas, a dereita máis escura, pode ser unha bufanda ou unha camisa entreaberta, deixando aparecer os peitos. Así pode explicarse as formas estreitas do busto.
A cabeza enmarcada polo brazo é particularmente horrible. Un cacho de carne. Dous puntos negros para os ollos, sen mirada, dous pequenos buracos para indicar o nariz, a queixada aberta con todos os dentes.
Esta muller ouvea, poida que só bocexe, pero non, berra. Berra de pracer..., é evidente: ese movemento da pelve, esas coxas amplamente separadas, ese sexo aberto...


Composición:


Non facilita ningún descanso ao ollo. Todo está aí brutalmente afirmado. A verticalidade primeiro con esa gran cinta branca a dereita que vai case de arriba a baixo e esténdese horizontalmente cara a esquerda por unhas cintas laranxas máis estreitas, para atoparse de novo reafirmada, sempre en laranxa, no extremo esquerdo despois de haber pasado tras a grande forma central. Arriba, no ángulo esquerdo, un case cadrado gris violentamente enmarcado de amarelo afírmase con autoridade. Debaixo deste cadrado, o borde branco da forma central leva verticalmente ao marco laranxa citado antes. Entón dámonos conta de que se trata do mesmo cadrado, atenuado pola sombra e en parte oculto. No ángulo inferior dereito un pequeno cadrado escuro repite a verticalidade do vermello e replica diagonalmente ao gran cadrado enmarcado de arriba.

Segundo a outra diagonal (ángulo superior dereito, ángulo inferior esquerdo), e ben calada por esta rede de verticais e horizontais, desprégase a forma central, toda composta de curvas e cravada nun triángulo branco solidamente instalado sobre a base horizontal.
Se entornamos con forza os ollos, percibimos a disposición xeral das formas: un estreito rectángulo vertical á dereita, un cadro arriba á esquerda, un gran triángulo nos dos terzos da dereita, formado pola tea branca pregada. Unha especie de gancho rosado e algunhas pequenas formas redondeadas realizan a unión entre estes tres polos.


As cores
corresponden a ese efecto de agresión da forma central polo seu entorno: a vertical branca da dereita aproveita o negro que estrema con ela; o cadrado da esquerda berra co seu marco amarelo vivo e o triángulo disfruta do máis amplo dos brancos, aínda que atenuado polo trazado dos pregues. A forma central, xa debilitada polas súas curvas, só ofrece un rosa algo insípido e uns malvas dunha delicadeza bastante inesperada pero fráxil. O vermello e o verde manteñen unha relación rinchante.

Bibliografía: Ver y comprender la pintura, Bernard Rancillac

viernes, 6 de noviembre de 2009

Dalí - I

Salvador Dalí sempre concibiu a súa pintura como un método de coñecemento, e cada cadro, como un relato que expón tal coñecemento, cuxa captación será a compor polo observador segundo as súas posibilidades e recursos singulares, pero captando valores universais.

Dalí deulle unha razón organizadora ao surrealismo a través do método "Paranoico-Crítico, compartiu e practicou os propósitos centrais de devandito movemento artístico-político: desacreditar a realidade producida e establecida como método de poder e represión na Europa da primeira metade do século XX.- (Pedro Bugani)

Así mesmo, Dalí, desde diversas obras profundou o estudo de realidades inasibles da sexualidade humana.- (Pedro Bugani).

Indubidable coñecedor do filosofo E. Kant, Dalí traballa as súas imaxes como "brandas e duras".- As imaxes brandas correspóndense con aquilo que é dixerible, substancial e cognoscible, as imaxes duras correspóndense ao impenetrable e irredutible en principio ao coñecemento.

Tamén, coñecedor de A. Einstein, os reloxos brandos remiten á concepción da cuarta dimensión e a teoría do espazo-tempo do mencionado físico.
Cando a brandura afecta a un obxecto sólido tamén indica a súa condición de fantasía (no sentido psicoanalítico do concepto), ou mellor devandito, vestixio conciente do mundo do soño.- (Pedro Bugani).

As imaxes dalinianas operan a través do paradoxo, pondo en evidencia o inquietante por medio da contradición. De aí a creación de imaxes dobres, triplas ou infinitas así como invisibles, é dicir aquelas que poden lerse de xeito distinto segundo como as perciba.-(Pedro Bugani).

Dalí fronte ao automatismo, no que o suxeito non é máis que un intermediario, un transmisor do material onírico, propón unha superación: obxetivar e sistematizar a produción onírica, mantendo a vixencia do soñar na vixilia.



O gran paranoico" 1936.
Segundo a explicación de Dalí, "este rostro formado con xentes do Empordán, que son os maiores paranoicos, foi pintado logo dunha conversación sobre Arcinboldo con Xosé María Sert".- A capacidade de asumir a dobre lectura destes cadros por parte do espectador depende do seu grao de paranoia, é dicir da súa habilidade para ordenar sistematicamente as alucinacións produto do soño.



O home invisible".- 1929.-1933.

Fascinado polo descubrimento da pintura de Arcimboldo, pintor maniererista do século XVI que compuña figuras con obxectos diversos, Dalí aborda aquí por primeira vez o tema da imaxe dobre ou invisible. O cadro é un exemplo completo da aplicación do método paranoico-crítico ao material procedente dos soños.





O enigma do desexo. A miña nai, a mi nai, a miña nai (1929)

De novo extrae a forma polimorfa das estrañas rochas dos arredores de Cadaqués, e este vínculo parece reforzado polos moluscos presentes na base da estrutura. Á dereita das formigas que están no pescozo de Dalí atópase unha fermosa voluta de finais de século. A realidade onírica está realizada polo feito de que as palabras "ma mère" aparecen en menos da metade dos oitenta e un compartimentos dispostos na figura. A esquerda por riba da cabeza pequena de Dalí, hai unha das formas máis estrañas, composta dunha cabeza de león, do ubicuo saltón, dun ovo alzado por un medio personaxe espido, un ánfora fenicia e unha man cunha navalla.


O gran masturbador 1929

Segundo o pintor, a forma branda "remata na ornamentación de estilo 1900", e a imaxe que adiviña os órganos xenitais do home proviña dun cromo do século XIX, que representaba a unha muller ulindo unha flor de lis; a flor está colocada debaixo da cabeza da muller. O estame prominente da flor ten unha forma fálica e aumenta sutilmente o noso coñecemento da sexualidade da muller, o mesmo que a cabeza do león coa súa lingua libidinosa. O aspecto xeral da forma polimorfa está preto á das siluetas fantásticas das rochas de Cadaqués. Esta asociación xeográfica, engadida a outras asociacións psicolóxicas máis escuras, está suscitada por o anzol plantado na cabeza do retrato brando.

A persistencia da memoria 1931
A paisaxe é simple; aparece o mar ao fondo e unha pequena formación rochosa á dereita. Os reloxos desfanse, quizais aborrecidos do tempo, ou de si mesmos, e fano sobre a póla morta dunha árbore, sobre unha cabeza disparatada que finxe durmir, sobre unha mesa colocada cara a ao momento de fuga. Cada reloxo marca unha hora, coma se a teima circular de cada un deles mantivese unha postura distinta sobre a hora exacta. Como o cadro non é cine, non sabemos se as agullas, en efecto, marchan cara adiante, cara a onde estamos afeitos que o fagan: as dúas logo da unha, e as catro logo das tres. Dalí dixo sobre o cadro: "O mesmo que me sorprende que un oficinista de banco nunca se comeu un cheque, así mesmo asómbrame que nunca antes de min, a ningún outro pintor ocorréseselle pintar un reloxo brando".


"Construción branda con xudías fervidas. Premonición da Guerra Civil" 1936.-

Outra obra na que aparece a connotación mortal do comestible dun xeito máis agresivo. Aquí non se trata dun banquete, se non todo o contrario: a elección non existe. Os últimos recursos están no mesmo corpo estrangulado, do que xa non sae nada comestible. Dalí expresa así a angustia tráxica e premonitoria da guerra.


Soño causado polo vó dunha abella 1944

No cadro aparece unha paisaxe mariña, quizais Port Lligat, no que aparece a muller do artista, Gala espida. Xunto ao seu corpo, flotando sobre unha roca, que á súa vez levita sobre o mar, hai dúas pingas de auga suspendidas e unha granada. Gala espértase no momento no que o zunido dunha abella que voa ao redor da granada evócalle a imaxe dunha baioneta a piques de ferila. A baioneta procede á súa vez dun tigre, este sae da boca doutro tigre, este de a dun peixe e este de unha granada xigante. O soño é representado a través das imaxes oníricas que vemos neles. Ao fondo vese un elefante de longas e delgadas patas co que Gala estaba soñando antes das terroríficas imaxes que lle evoca a avespa. Esta imaxe, inspirada na escultura do elefante co obelisco no lombo que se atopa na praza de Santa María sopra Minerva en Roma, obra de Bernini, reaparecerá noutros cadros do pintor como A tentación de San Antonio e na escultura de ouro e pedras preciosas de 1956 chamada O elefante espacial.

A imaxe da muller tombada nas rocas aparece nalgunhas pinturas e debuxos de 1926, pero o expresionismo de entón transformouse nun clasicismo que se obxectivará nalgúns espidos como os de Leda atómica, Dalí espido en contemplación ante cinco corpos regulares ou o Cristo de Gala.